Participa nos nosos Talleres de Primaria

Desfruta das actividades organizadas para facer que a túa experiencia sexa completa. Este ano, os nosos talleres teñen como tema central a Aeronáutica e aeroespacial. A pasalo ben aprendendo!

Benvidos/as aos talleres Galiciencia 2023, desde o centro de control Tecnópole temos preparadas diversas viaxes para que a túa imaxinación e coñecemento voen a novos lugares.

Este ano os nosos talleres teñen como tema central a Aeronáutica e Aeroespacial.
Lembra que, se es un centro educativo, para poder desfrutar dos nosos talleres terás que inscribirte como visita. Se o teu centro resulta seleccionado, Tecnópole encargarase da organización da visita, así como de custear o desprazamento do teu centro a Galiciencia. Para máis información consulta o apartado de Visitas da web.

Se es un particular, tamén te podes embarcar nesta aventura e visitar Galiciencia.

Estaremos no Parque Tecnolóxico de Galicia 10, 11 de maio de 10:00h-13:00h e de 15:00h-18:00h e 12 de maio de 10:00h-13:00h, a túa equipaxe consistirá en vir coa mente aberta e estar disposto a desfrutar e aprender.

Aconsellámosche que nos visites mellor polas tardes posto que o volume de asistencia é menor durante este horario. 

Conquistando as portas do ceo

Imparte: Lucía Lavandeira

Alumnado de Primaria e Educación Especial
Local 20, planta baixa do edificio CEI.

Voar, ese gran soño da humanidade… Pegar un chimpo, ¡despregar as ás e ser capaces de vencer a forza da gravidade! Son tantos os inventos deseñados polo ser humano ao longo da historia para lograr conquistar o espazo aéreo… Dende os primitivos dispositivos de Leonardo dan Vinci ata os máis avanzados aparellos creados pola NASA, pasando polo aeroplano, o autoxiro, o globo aerostático ou mesmo o parapente.

Neste obradoiro seguiranse os pasos de Amelia Earhart e sucaranse as nubes con diferentes trebellos para tratar de entender cal é o máis aerodinámico e que permite chegar máis lonxe. ¿Rematarase o taller sabendo falar cos paxaros?

Xúpiter nunha botella

Imparte: Cristina Mangana

Alumnado de Primaria e Educación Especial
Local 21-22, planta baixa do edificio CEI.

En que se asemellan Neptuno e Mercurio? E en que se diferencian? Neste obradoiro percorreranse os planetas do sistema solar un a un para aprender as súas características, e seguiranse os pasos de Cecilia Payne-Gaposchkin para descubrir a composición do Universo. Dende as lúas de Xúpiter ata os aneis de Saturno, dende os diminutos planetas rochosos ata os xigantes gasosos, ¡non haberá recuncho espacial que se resista!

Empregarase a ciencia para atraer un anaco dos confíns da Vía Láctea ao taller, e aproveitarase para ver con detalle o delicado movemento da atmosfera de Xúpiter. ¡Nin o telescopio máis potente nos permitiría estar tan preto!

Usamos cookies para mellorar a experiencia.