Participa nos nosos Talleres de Primaria

Se es un particular, podes visitar Galiciencia. Estaremos no Parque Tecnolóxico de Galicia 13, 14 de maio de 10:00h-13:00h e de 15:00h-18:00h e 15 de maio de 10:00h-13:00h. Aconsellámosche que nos visites mellor polas tardes posto que o volume de asistencia é menor durante este horario.

Contrasinal Battle Royale,

Imparte: Cristina Fernández

Alumnado de Primaria e Educación Especial.
Local 26-27, planta baixa do edificio CEI.
SPOILER ALERT: 123456 non é un contrasinal seguro. A túa data de nacemento, tampouco. Cada vez son máis as webs ou aplicacións que nos piden rexistrarnos para poder facer uso delas. Só de pensar en ter que crear un contrasinal orixinal ou suficientemente sólido como para resistir os ataques dos hackers máis agresivos xa nos produce suores e calafríos. Calma! Temos a solución!

Neste obradoiro aprenderemos os mellores trucos para elaborar contrasinais diferentes e para mantelos tan en segredo que nin o máis temido dos ciberataques os descubra. Serás quen de facerte co título de Mellor Contrasinal da Galiciencia 2026?

A golpe de cibercebo

Imparte: Beatriz Álvarez

Alumnado de Primaria e Educación Especial.
Local 21-22, planta baixa do edificio CEI.
Como? Que catro millóns de patiños cruzaron o Atlántico nunha soa mañá? Preciso saber máis! Un momento… Se unha información semella demasiado alucinante como para ser real… é posible que se trate dun cebo. No mundo dixital, hai persoas que se lucran dos nosos clics e dos nosos datos; e ás veces, resulta máis sinxelo conseguir o que queren de nós con noticias que nos enganchen ou emocionen, aínda que sexan falsas.

Neste obradoiro aprenderemos cando e onde debemos clicar, e cando non. Quizais o Atlántico non sexa o océano, senón o nome da piscina dun club de golf. E quizais os patiños foran de goma. Sospeita e acertarás!

Usamos cookies para mellorar a experiencia.