Participa nos nosos Talleres de Secundaria

Desfruta das actividades organizadas para facer que a túa experiencia sexa completa. Este ano, os nosos talleres teñen como tema central a Economía Circular. A pasalo ben aprendendo!

A continuación, mostrámosche o contido dos talleres organizados por Tecnópole para esta edición de Galiciencia. Este ano, os nosos talleres teñen como tema central a Economía Circular. Recorda que, se es un centro educativo, para poder desfrutar dos nosos talleres terás que inscribirte como visita. Se o teu centro resulta seleccionado, Tecnópole encargarase da organización da visita, así como de custear o desprazamento do teu centro a Galiciencia. Para máis información consulta o apartado de Visitas da web.

Se es un particular, podes visitar Galiciencia. Estaremos no Parque Tecnolóxico de Galicia S.A. 11, 12 de maio de 10:00h-13:00h e de 15:00h-18:00h e 13 de maio de 10:00h-13:00h. Aconsellámosche que nos visites mellor polas tardes posto que o volume de asistencia é menor durante este horario.

 

Da liña ao círculo

Imparte: Patricia Barciela

Alumnado de Secundaria/Bacharelato/FP
Local 48, planta baixa do edificio CEI

Entusiásmache a idea de deseñar un cambio positivo para o futuro? Estás en forma para atopar outros novos axentes de cambio e participar activamente na túa comunidade? Pois empeza xa neste taller no que poremos en marcha o noso pensamento circular a través de xogos interactivos e educativos.

Neste taller trataranse conceptos relacionados coa economía circular a través de actividades interactivas como a análise do ciclo de vida dun produto cotián, a pegada ecolóxica e un reto de ecodeseño que se lles formulará aos asistentes. O obxectivo é explicar a diferenza entre a economía circular e a economía lineal dun xeito ameno e divertido.

Ter unha perspectiva diferente e máis detallada sobre o funcionamento da economía e ensinar unha visión xeral do proceso de deseño, fomentar o pensamento creativo e reflexivo, permitir aos estudantes ver como as accións individuais teñen a capacidade de contribuír a un cambio positivo e poder experimentar a alegría e a posibilidade de resolver problemas do mundo real.

Dálle a volta ao usar e tirar

Imparte: Manuel Vicente

Alumnado de Secundaria/Bacharelato/FP
Sala de Xuntanzas IV, planta soto do edificio CEI

Neste taller realizaremos unha experiencia que evitará contaminar 200.000 litros de auga ao converter un refugallo doméstico nun líquido valioso. Para iso empregaremos unha fórmula mellorada da que empregaban as nosas avoas. A economía circular xa existía moito antes de que se cuñase esta expresión nos anos 80.

Para que vai valer o colector marrón do lixo? Por que non podo reparar o meu móbil? É certo que temos media táboa periódica no móbil? Como facer compostaxe na casa?

A que se dedican as mulleres economistas ambientais galegas? Como pode axudar o último premio Nobel de química a mellorar a sostibilidade do planeta? Todas estas preguntas teñen relación coa economía circular e logo deste taller ti tamén poderás pechar o círculo.

O Lixo Vertical

Imparte: Vicente Mohedano

Alumnado de Secundaria/Bacharelato/FP
Sala de Xuntanzas III, planta soto do edificio CEI.

Neste taller a través do formato de show didáctico realizaranse diversas experiencias apoiadas con material audiovisual coa intención de mentalizar o público sobre a excesiva produción de lixo, un concepto absolutamente moderno, recente, contemporáneo.

A través de diferentes experiencias trátase de animar os asistentes a que se deteñan e observen, a que reflexionen sobre a inmensa montaña de lixo que os acompaña. Dalgunha maneira, todos e todas reforzamos con entusiasmo a espiral de consumo que marca as nosas sociedades desde mediados do século pasado.

Usamos cookies para mellorar a experiencia.