Participa nos nosos Talleres de Primaria
Este ano, Galiciencia celebra o seu 20º aniversario cunha edición moi especial dedicada á Neurociencia e a Saúde Mental. Prepárate para somerxerte en talleres onde exploraremos os misterios do cerebro, a conexión entre mente e corpo e as claves para potenciar o benestar mental a través da ciencia.
Se formas parte dun centro educativo, recorda que para participar nos nosos talleres é necesario inscribirse como visita. Se o teu centro é seleccionado, Tecnópole encargarase da organización do desprazamento e os gastos de transporte para que poidades vivir esta experiencia única sen preocupacións.
Consulta o apartado de Visitas na nosa web para máis información e asegura a túa praza na maior feira científica escolar do noroeste. ¡Esperámoste para celebrar xuntos dúas décadas de ciencia e descubrimento!
Se es un particular, podes visitar Galiciencia. Estaremos no Parque Tecnolóxico de Galicia 14, 15 de maio de 10:00h-13:00h e de 15:00h-18:00h e 16 de maio de 10:00h-13:00h. Aconsellámosche que nos visites mellor polas tardes posto que o volume de asistencia é menor durante este horario.
VER PARA CRER
Imparte: Beatriz Álvarez

Neste obradoiro, descubriremos como funciona a percepción e, para isto, analizaremos diferentes ilusións ópticas e incluso crearemos unha nós mesmos.
¡Non o perdades!
NEUROPRÓTESES: DO CEREBRO Á MÁQUINA
Imparte: Cristina Mangana
¿Como é posible que os nosos órganos executen as ordes do noso cerebro tan rápido?
¿A que velocidade viaxa a información a través do noso sistema nervioso? ¿Que é exactamente esa información? ¿Células? ¿Quilobytes? ¿Garavanzos? ¿Podemos replicar ese proceso mediante unha máquina? Se é así, ¿seremos quen de converternos en seres biónicos? ¿Poderemos recubrir o noso corpo cun superexoesqueleto como o de Iron Man?

Neste obradoiro descubriremos que esta tecnoloxía que nos parece tan futurista é empregada a diario por miles de persoas arredor do mundo, e que, sen ela, a súa vida sería moito máis complexa.