Participa nos nosos Talleres de Secundaria Bacharelato/FP

A continuación, mostrámosche o contido dos talleres organizados por Tecnópole para esta edición de Galiciencia, que este ano teñen como tema central Mellor, de Madeira. Lembra que, se es un centro educativo, para poder desfrutar dos nosos talleres terás que inscribirte como visita. Se o teu centro resulta seleccionado, Tecnópole encargarase da organización da visita, así como de custear o desprazamento do teu centro a Galiciencia. Para máis información consulta o apartado de Visitas da web.
Se es un particular, podes visitar Galiciencia. Estaremos no Parque Tecnolóxico de Galicia 8, 9 de maio de 10:00h-13:00h e de 15:00h-18:00h e 10 de maio de 10:00h-13:00h. Aconsellámosche que nos visites mellor polas tardes posto que o volume de asistencia é menor durante este horario.

talleres2024sec

Deseña un soporte para o teu móbil

Imparte: Patricia Barciela

Alumnado de Secundaria/Bacharelato/FP.
Local 48, planta baixa do edificio CEI.

Neste taller, deseñarás e construirás o teu propio soporte para o móbil con madeira. Construirás un prototipo e probaralo primeiro. Iso darache a oportunidade de facer cambios no deseño para asegurarte de que cumpre todos o teus requisitos. Tal como fan as persoas que se dedican á enxeñería. Poden parecer obxectos moi sinxelos, pero son unha forma estupenda de aprender sobre o proceso de deseño.

Tocar madeira

Imparte: Manuel Vicente

Alumnado de Secundaria/Bacharelato/FP.
Sala de Xuntanzas IV, planta soto do edificio CEI.
Din que tocar madeira trae boa sorte. Neste taller tocarás moita madeira, pero para experimentar en primeira persoa con ela. Construirás unha ponte. Compararás propiedades da madeira das distintas especies. Visualizarás o efecto das ondas sonoras neste material. Examinarás barrenas e aprenderás a ler as historias que contan as árbores nos seus aneis de crecemento. Historias, por exemplo, como a do rexistro de furacáns que gardan as madeiras dos pecios do Caribe.

A madeira ten historia e cultura asociada, pero tamén é futuro. Co engadido de que é o único material que mentres se fabrica, en vez de emitir dióxido de carbono, captúrao. Contarémosche todo isto coa colaboración do CIS Madeira e Madera Plus.

Máis Madeira!

Imparte: Vicente Mohedano

Alumnado de Secundaria/Bacharelato/FP
Sala de Xuntanzas III, planta soto do edificio CEI.

Todos os vexetais teñen experiencia probada á hora de aproveitar a nosa principal fonte vital de enerxía. A habilidade das plantas para transformar a enerxía solar en enerxía química consegue sustentar a diversidade da vida na Terra.

O modelo de crecemento auspiciado polas sociedades de consumo nacidas á calor da riqueza enerxética característica do século XX debe ser agora cuestionado. Os tempos do crecemento rápido que propicie ganancias inmediatas que favorezan o consumo acelerado non son xa modelos de progreso.

Crecer para Crecer para Ganar para Ganar para Consumir para Consumir.

A madeira, tan discreta ela, é un poderoso material froito do empeño da enerxía paciente do Sol en aproveitar e capturar o carbono atmosférico. Unha carta de presentación magnífica en días de incerteza enerxética e crise climática.

Usamos cookies para mellorar a experiencia.