Desde a experiencia como estudantes con dislexia, e despois de falar co profesorado, percibiuse que non hai coñecementos reais entre o alumnado do que é a dislexia e do que supón no día a día dunha persoa calquera e, especialmente, durante a etapa educativa. Polo tanto, a hipótese na que se basea este proxecto é que a maioría de estudantes non comprende en profundidade o reto que pode supoñer para unha persoa con dislexia convivir con esta dificultade de aprendizaxe.
Aínda non se teñen resultados, porque non rematou o estudo. Ademais, parte dos datos serán recollidos na propia feira de Galiciencia 2025. Non obstante, analizando os datos recollidos ata o momento, pénsase que a hipótese é bastante acertada. Pénsase que unha xeneralización que se pode realizar é que as dificultades de aprendizaxe en xeral, así como os distintos trastornos do neurodesenvolvemento, son pouco coñecidos pola poboación xeral e o alumnado en particular.