Considérase que este proxecto favorece que nos acheguemos á ciencia dende unha perspectiva social e tecnolóxica, aplicando os coñecementos máis aló do laboratorio. Contribúe ao espírito emprendedor e á colaboración con outras disciplinas, impulsando a creación dunha pequena empresa que relaciona ciencia e madeira, co fin de concienciar e potenciar as competencias profesionais, sociais e persoais.
Esta proposta inclúe actividades baseadas na aprendizaxe a través da práctica, reproducindo de forma realista o funcionamento das empresas e incidindo nas habilidades e destrezas. Obsérvase os cromosomas das células nucleadas e, posteriormente, plásmanse os resultados en distintos produtos de madeira.
A pequena empresa “Estampa a túa identidade en madeira” pode ocupar un nicho importante no mercado da personalización, diferente ao ofertado ata o de agora polas empresas actuais. Para o sector da poboación interesado na ciencia e na xenética pode ser unha forma de mostrar a súa paixón e compartir coñecementos. Unha empresa deste tipo pode ter un mercado específico en eventos científicos, feiras educativas e outras actividades relacionadas coa ciencia e a xenética.