O deseño e construción deste piano de madeira axudará á estimulación sensorial dos máis pequenos, xa que aprenderán a distinguir as distintas notas musicais, recoñecerán as distintas cores asociadas a cada nota e poderán recoñecer distintas texturas asociadas aos diferentes tipos de madeira empregados na construción do mesmo. Pero non só iso, senón que tamén servirá como actividade de inclusión, xa que o feito de que as persoas maiores ou con discapacidade motriz o poidan empregar axudará a conseguir o seu benestar emocional.
Unha vez construído e comprobado o correcto funcionamento do piano, tocou a parte máis divertida de todas: a difusión do proxecto. Fooise aos colexios CEIP José María Lage (Ortigueira) e CEIP Francisco López Estrada (Mañón) a mostrarlles o piano e tocáronse varias cancións con el. Ademais, os nenos e nenas dos colexios puideron comprobar o divertido que é aprender música tocando o piano cos pés, piano feito coa MADEIRA das árbores.
Pareceu un proxecto moi interesante e construtivo polas seguintes razóns:
• Traballo en equipo: falando e expoñendo as cousas conséguense solucións máis axeitadas.
• Inclusión: construiuse un piano utilizable pola maior parte das persoas.
• Forma distinta de aprender: construíndo, programando e tocando aprendéronse cousas novas.