Participa nos nosos Talleres de Secundaria Bacharelato/FP
Este ano, Galiciencia celebra o seu 20º aniversario cunha edición moi especial dedicada á Neurociencia e a Saúde Mental. Prepárate para mergullarte en talleres interactivos onde exploraremos os misterios do cerebro, a conexión entre mente e corpo e as claves para potenciar o benestar mental a través da ciencia.
Se formas parte dun centro educativo, lembra que para participar nos nosos talleres é necesario inscribirse como visita. Se o teu centro é seleccionado, Tecnópole encargarase da organización do desprazamento e os gastos de transporte para que poidades vivir esta experiencia única sen preocupacións.
Consulta o apartado de Visitas na nosa web para máis información e asegura a túa praza na maior feira científica escolar do noroeste. Esperámoste para celebrar xuntos dúas décadas de ciencia e descubrimento!

Se es un particular, podes visitar Galiciencia. Estaremos no Parque Tecnolóxico de Galicia 14, 15 de maio de 10:00h-13:00h e de 15:00h-18:00h e 16 de maio de 10:00h-13:00h. Aconsellámosche que nos visites mellor polas tardes debido a que o volume de asistencia é menor durante este horario.
Menssana: ven xogar pola saúde
Imparte: Patricia Barciela
Imos participar nun xogo de mesa para sensibilizar a mocidade sobre a saúde mental, promovendo a información e rompendo prexuízos. O taboleiro conta con 41 casas con preguntas que os xogadores e xogadoras deben responder de forma axeitada para avanzar ata a meta. A proposta busca fomentar o benestar emocional desde idades temperás e está apoiada por programas de participación comunitaria.

Neurociencia para coidar o teu cerebro
Imparte: Manuel Vicente
¿Afectan as redes sociais á túa saúde mental? ¿Os videoxogos poden causar adicción? ¿Que pasa no teu cerebro cando apostas on line? ¿Cantas horas debemos durmir? ¿Por que os adolescentes dormen máis horas que os nenos? ¿Como podería afectar a supresión do cambio de hora ao cerebro adolescente? ¿É certo que o alcohol mata as neuronas? ¿Por que as drogas son aditivas? ¿Que son os neurotimos? ¿Por que facer exercicio axuda ao noso rendemento intelectual? ¿Pódese hackear a nosa percepción? ¿En que consiste o neurodoping?

Este é un taller para coñecer como funciona o teu encéfalo e así aprender a coidalo. A neurociencia ten as claves para mellorar a saúde mental das persoas.
I Want It Now!
Imparte: Vicente Mohedano
¿Onde reside a felicidade?
Que é o que necesito realmente?
¿Será que é pracer o que estou buscando?
Non me aclaro. ¿Será que estou un pouco torpe ultimamente ou será que son torpe?
A nosa recente historia filoxenética configurounos como seres pensantes, como seres que observan e cuestionan continuamente as propias actitudes e os propios desexos. Ao investigarmos o comportamento humano descubrímonos como individuos ávidos de relacións sociais. A configuración do noso cerebro é plenamente comunitaria e isto implica que a nosa imaxe de nós propios é sempre condicionada socialmente.

Desde que nacemos – talvez antes – non deixamos de tomar notas para asimilar os comportamentos que nos permitirán saír adiante e sobrevivir en sociedade.