Participa nos nosos Talleres de Primaria

Este ano, Galiciencia celebra o seu 20º aniversario cunha edición moi especial dedicada á Neurociencia e a Saúde Mental. Prepárate para somerxerte en talleres onde exploraremos os misterios do cerebro, a conexión entre mente e corpo e as claves para potenciar o benestar mental a través da ciencia.

Se formas parte dun centro educativo, recorda que para participar nos nosos talleres é necesario inscribirse como visita. Se o teu centro é seleccionado, Tecnópole encargarase da organización do desprazamento  e os gastos de transporte para que poidades vivir esta experiencia única sen preocupacións.

Consulta o apartado de Visitas na nosa web para máis información e asegura a túa praza na maior feira científica escolar do noroeste. ¡Esperámoste para celebrar xuntos dúas décadas de ciencia e descubrimento!

Se es un particular, podes visitar Galiciencia. Estaremos no Parque Tecnolóxico de Galicia 14, 15 de maio de 10:00h-13:00h e de 15:00h-18:00h e 16 de maio de 10:00h-13:00h. Aconsellámosche que nos visites mellor polas tardes posto que o volume de asistencia é menor durante este horario.

VER PARA CRER

Imparte: Beatriz Álvarez

Alumnado de Primaria e Educación Especial.
Local 39, planta baixa do edificio CEI.
Din que “ver é crer”, e moitas veces cremos o que nos din os nosos ollos. ¿Pero sabedes que nas ilusións ópticas o que vemos non sempre é o que realmente está a suceder? ¿Como pode pasar isto? Cando miramos ao redor, non vemos todo á vez. Se o fixésemos, sería un verdadeiro caos para os nosos sentidos. O que fai o cerebro é recoller toda a información que recibe e organizala para entender o que está a ver. ¡A percepción é como unha fiestra que nos axuda a ver o mundo, pero o curioso é que non vemos as cousas tal como son! O noso cerebro interpreta todo dun xeito moi particular.

Neste obradoiro, descubriremos como funciona a percepción e, para isto, analizaremos diferentes ilusións ópticas e incluso crearemos unha nós mesmos.

¡Non o perdades!

NEUROPRÓTESES: DO CEREBRO Á MÁQUINA

Imparte: Cristina Mangana

Alumnado de Primaria e Educación Especial.
Local 21-22, planta baixa do edificio CEI.

¿Como é posible que os nosos órganos executen as ordes do noso cerebro tan rápido?

¿A que velocidade viaxa a información a través do noso sistema nervioso? ¿Que é exactamente esa información? ¿Células? ¿Quilobytes? ¿Garavanzos? ¿Podemos replicar ese proceso mediante unha máquina? Se é así, ¿seremos quen de converternos en seres biónicos? ¿Poderemos recubrir o noso corpo cun superexoesqueleto como o de Iron Man?

Neste obradoiro descubriremos que esta tecnoloxía que nos parece tan futurista é empregada a diario por miles de persoas arredor do mundo, e que, sen ela, a súa vida sería moito máis complexa.

Usamos cookies para mellorar a experiencia.