Participa nos nosos Talleres de Primaria
A continuación, mostrámosche o contido dos talleres organizados por Tecnópole para esta edición de Galiciencia, que este ano teñen como tema central Mellor, de Madeira. Lembra que, se es un centro educativo, para poder desfrutar dos nosos talleres terás que inscribirte como visita. Se o teu centro resulta seleccionado, Tecnópole encargarase da organización da visita, así como de custear o desprazamento do teu centro a Galiciencia. Para máis información consulta o apartado de Visitas da web.
Se es un particular, podes visitar Galiciencia. Estaremos no Parque Tecnolóxico de Galicia 8, 9 de maio de 10:00h-13:00h e de 15:00h-18:00h e 10 de maio de 10:00h-13:00h. Aconsellámosche que nos visites mellor polas tardes posto que o volume de asistencia é menor durante este horario.
Harmonía coa madeira: Cúpulas xeodésicas
Imparte: Beatriz Álvarez
As cúpulas xeodésicas son estruturas de gran beleza. A súa simetría e regularidade son visualmente moi atractivas. Poden construírse con diferentes materiais pero é a madeira a que lle dá ese matiz harmónico.
Neste taller construiranse construír cúpulas pequenas de frecuencia 2 en grupos con pauciños e conectores impresos con tecnoloxía 3D en PLA feito con madeira.
Despois dunha breve introdución teórica, procederase a preparar o material (selección de conectores, corte das barras) para posteriormente ensamblalo.
Entenderemos como se forman e veremos os patróns de pentágonos e hexágonos regulares e irregulares, entendendo a forza estrutural que dan os triángulos.
Finalmente, apreciaremos e analizaremos (no sitio) unha cúpula máis grande (entre 1 e 2 metros de diámetro).
Enredando coa madeira: da árbore ao cesto
Imparte: Cristina Mangana
Neste taller investigaremos a fondo a relación entre a madeira e a auga, aprenderemos técnicas do oficio artesán da cestería, mesturarémolas cos nosos coñecementos de xeometría e porémolas en práctica para poder fabricar pezas dignas das vitrinas dunha xoiería, dunha pasarela de moda ou dos expositores dun museo.