20 AÑOS

20 Aniversario Galiciencia

A través desta liña do tempo, invitámoste a percorrer os momentos máis destacados de cada unha das 20 edicións de Galiciencia. Desde o seu inicio en 2006, acercamos a ciencia a miles de persoas, con actividades, proxectos e innovacións que evolucionaron ano tras ano. En cada fito, descubrirás os temas principais, os logros máis significativos e como medramos para seguir sendo a feira científica máis grande de Galicia. ¡Somérxete na nosa historia e revive a ciencia que compartimos.

2006

Nace Expociencia, froito dunha iniciativa pioneira en Galicia

A planta soto do edificio CEI albergou a primeira edición da Galiciencia, entón coñecida como Expociencia, cunha mostra de 16 proxectos. Esta iniciativa, pioneira en Galicia, trouxo consigo un planetario burbulla, unha exposición sobre enerxía e unha maratón de cine científico. Os colexios participaron de xoves a venres, mentres que o sábado se abriron as portas ao público xeral.

2007

Expociencia convértese en Galiciencia

Expociencia, que este ano se celebrou no auditorio de Ourense, cambiou o seu nome a Galiciencia e experimentou un aumento na participación, con case o dobre de proxectos expostos, chegando aos 30. As actividades previas estendéronse á fin de semana anterior con talleres de química no Centro Comercial Ponte Vella de Ourense. Este ano marcou o inicio das conferencias científicas de Adolf Cortel, cuxa demostración sobre a electricidade estática usando o experimento dos pelos de punta deixou unha pegada imborrable.
Mira o cartel da edición

2009

Nacen os selos distintivos de Galiciencia

Este ano marcou un punto de inflexión con cambios significativos que se converterían en selos distintivos do evento. A Galiciencia trasladouse ás instalacións da Tecnópole, implementáronse premios por categorías académicas (ESO 1º ciclo, ESO 2º ciclo e Bacharelato), en substitución dos dous premios absolutos anteriores, chegouse á cifra de 50 proxectos expostos e comezouse a organizar talleres temáticos en liña coas conmemoracións internacionais de cada ano.
Mira o cartel da edición

2010

Éxito e avalancha de proxectos

O éxito da convocatoria traduciuse nunha avalancha de proxectos, cun récord de 85 propostas. Por primeira vez, estableceuse un proceso de selección para elixir os 50 mellores traballos, garantindo así a participación de todos os seleccionados. Incorporáronse proxectos do programa Aulas I+D da Tecnópole e organizáronse actividades paralelas como exposicións de pintura coa ciencia como tema principal e unha área de ocio para os participantes.
Mira o cartel da edición

2011

Actividade máis destacada da Semana da Ciencia en España

A Galiciencia consolidouse como unha das actividades máis destacadas da Semana da Ciencia en España, segundo a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). Participouse no Experimento Mundial do Ano Internacional da Química e publicouse a primeira revista oficial da Galiciencia.
Mira o cartel da edición
Mira a revista da edición

2012

Aniversario de Tecnópole, un libro de quarks e concursos

A celebración do 20 aniversario do Parque Tecnolóxico de Galicia trouxo consigo eventos extraordinarios. Presentouse o libro "Dos quarks á próxima extinción", escrito por Pedro José Cascajosa, e organizáronse concursos de fotografía, artigos científicos e lemas sobre sostibilidade. Ademais, rendeuse homenaxe ao químico Antonio Casares no Día do Científico Galego cun taller sobre o seu legado.
Mira o cartel da edición
Mira a revista da edición

2013

CSIC e outros proxectos de divulgación científica e tecnolóxica

Incorporáronse á Galiciencia proxectos dos Tecnópole Technological Workshops (T2W). O equipo de redacción da revista oficial ampliouse coa incorporación dun grupo de reporteiros audiovisuais para a creación do vídeo oficial. O CSIC organizou unha exposición sobre a auga, tema que tamén se reflectiu nos concursos de debuxo e fotografía.
Mira o cartel da edición
Mira a revista da edición

2014

Chegan os de primaria a Galiciencia e transmitimos en directo unha charla científica

A modo de proba, abriuse a exposición de proxectos a alumnado de Primaria, o que incrementou o número de stands a 64. O éxito da iniciativa levou á súa consolidación nas seguintes edicións. Tamén se mantivo o concurso de fotografía e, como novidade, organizouse unha charla científica retransmitida en directo por internet para centros educativos de toda Galicia.
Mira o cartel da edición
Mira a revista da edición

2015

¡Galiciencia cumpre 10 aniños!

Galiciencia conmemorou o seu 10º aniversario e, para celebralo, elixiuse a mascota do certame, que se converteu ademais na imaxe da camiseta que luciron os participantes: Micro, un simpático moneco-microscopio. Realizouse un curso para docentes de Secundaria e Bacharelato co obxectivo de ofrecer ao profesorado unha formación específica para introducir a investigación na aula como ferramenta educativa. O divulgador Adolf Cortel regresou para sorprender a todos coas súas innovadoras propostas. Foi o ano do nacemento da páxina web www.galiciencia.com.
Mira o cartel da edición
Mira a revista da edición

2016

Nace o “Desafío Científico”

Ampliouse o horario de presentación de proxectos de Primaria, que xa se expoñen na carpa xunto aos de Secundaria. Iníciase unha das actividades paralelas máis exitosas da feira: o “Desafío Científico”, con retos incribles que animan á participación do alumnado. E, por primeira vez, créase un vídeo oficial de Galiciencia, recollendo os momentos máis relevantes de cada xornada.
Mira o cartel da edición
Mira a revista da edición

2017

A Astronomía, protagonista nunha edición moi concorrida

A Astronomía foi a temática sobre a que xirou esta edición, que se distinguiu por ter a maior representación de centros escolares ata o momento, con equipos procedentes de 40 colexios e institutos de Galicia, Barcelona, Asturias e Cádiz. Foron varias as solucións innovadoras relacionadas co campo e o medio ambiente, un tema que cada ano ten máis impacto entre o alumnado.
Mira o cartel da edición
Mira a revista da edición

2018

O xurado pode votar a través do móbil

Galiciencia achega aos máis novos un problema que nos afecta a todos: o cambio climático. desenvólvese unha aplicación móbil para que o xurado poida realizar as súas valoracións. A feira logrou reunir 77 proxectos e recibiu un total de 2271 visitantes. Nesta 13ª edición botamos a vista atrás e encontrámonos con cifras sorprendentes: un total de 700 proxectos expostos e máis de 25.000 persoas percorreron Galiciencia ao longo destes anos.
Mira o cartel da edición
Mira a revista da edición

2019

Créase un premio para apoiar a ciencia feminina

Creouse un premio para o mellor proxecto liderado por unha nena, co fin de contribuír á igualdade de xénero na contorna da I+D+i. Houbo récord de participación, con 134 equipos. Ademais, cerca de mil persoas abarrotaron o Auditorio de Ourense para asistir ao espectáculo previo á feira, un show no que o divulgador David Ballesteros e o ilusionista Jose Rivera lograron unha combinación perfecta de maxia e ciencia.
Mira o cartel da edición
Mira a revista da edición

2020

Galiciencia en liña pola Covid-19

O mundo paralizouse pola chegada da Covid-19 pero Galiciencia despregou todas as súas armas: moita ciencia e innovación, moitísima ilusión… e as bondades das novas tecnoloxías permitiron celebrar a feira. Baixo o lema “A innovación do futuro”, foi unha edición en liña pero igual de exitosa, realizada a través da plataforma galiciencia.online.
Mira o resumo da edición

2021

Nova edición on line, na que se enviaron kits científico-tecnolóxicos aos centros

Repetimos a experiencia on line debido á Covid-19. Os centros recibiron un kit con material científico e tecnolóxico para que o alumnado puidese desenvolver cada actividade; para a súa preparación contouse coa colaboración de ASPANAS, a Asociación de pais e nais a favor das persoas con discapacidade intelectual de Ourense. Unha edición de récord: máis de 7500 nenos e nenas de máis de 100 centros educativos de toda España.
Mira o resumo da edición

2022

Regresa a Galiciencia presencial e créase o TikTok de Galiciencia

Aproveitando a creación da Aula Newton Galicia en Tecnópole, incorporouse esta experiencia aos talleres de Galiciencia. E, para facer a feira más accesible a todas as persoas, a partir desta edición o vídeo do espectáculo de ciencia subtitúlase en galego e castelán e interprétase na lingua oficial de signos, en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). Nace o TikTok de Galiciencia.
Mira o resumo da edición

2023

A Aula Newton anima a voar e lanzarse ao espazo

A Aula Newton, centrada en iniciar os máis novos no mundo da aviación, provoca que Galiciencia se centre na “Aeronáutica e Aeroespacial”. Na web do “Desafío Científico” incorpóranse todas as edicións anteriores dos desafíos para facer os recursos didácticos máis accesibles á comunidade educativa. Nos premios establécese unha categoría especial para os proxectos de FP e na feira promóvese cada vez máis a participación feminina.
Mira o resumo da edición

2024

En defensa dun planeta sostible

O Parque Tecnolóxico de Galicia está aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que propón Nacións Unidas e, como mostra diso, en Galiciencia promovéronse os beneficios da madeira como material beneficioso para o planeta. Os equipos non defraudaron coas súas propostas, cada vez máis imaxinativas. Rexistrouse a marca GLC e houbo novo récord de participantes: ¡máis de 5400!
Mira o resumo da edición

2025

¡Galiciencia cumpre 20 anos!

No seu 20º aniversario, Galiciencia organiza un curso para que o profesorado de Secundaria e Bacharelato teña as ferramentas necesarias para poder guiar o alumnado na realización de proxectos científicos. “Neurociencia e saúde mental”, un tema que nos preocupa a todos, é o eixe central desta edición.

Usamos cookies para mellorar a experiencia.