Participa nos nosos Talleres de Secundaria Bacharelato/FP
Benvidos/as aos talleres Galiciencia 2023, desde o centro de control Tecnópole temos preparadas diversas viaxes para que a túa imaxinación e coñecemento voen a novos lugares.
Este ano os nosos talleres teñen como tema central a Aeronáutica e Aeroespacial.
Lembra que, se es un centro educativo, para poder desfrutar dos nosos talleres terás que inscribirte como visita. Se o teu centro resulta seleccionado, Tecnópole encargarase da organización da visita, así como de custear o desprazamento do teu centro a Galiciencia. Para máis información consulta o apartado de Visitas da web.
Se es un particular, tamén te podes embarcar nesta aventura e visitar Galiciencia.
Estaremos no Parque Tecnolóxico de Galicia 10, 11 de maio de 10:00h-13:00h e de 15:00h-18:00h e 12 de maio de 10:00h-13:00h, a túa equipaxe consistirá en vir coa mente aberta e estar disposto a desfrutar e aprender.
Aconsellámosche que nos visites mellor polas tardes posto que o volume de asistencia é menor durante este horario.
Por que son tan diferentes os deseños dos avións?
Imparte: María Nimo Piñeiro
Pensastes algunha vez por que non todos os avións son iguais? Neste taller explorarase por que son tan distintos un F-22 Raptor e un C5-B Galaxy. Construiranse modelos de ambos avións e utilizaranse as ferramentas da enxeñería para pescudar como a forma da súa estrutura axuda a determinar a función dun avión. Estrutura e función é unha relación importante tanto en ciencia como en enxeñería.
As estruturas poden deseñarse para cumprir funcións concretas tendo en conta as propiedades dos distintos materiais. Pódense atopar relacións entre estrutura e función tanto nos seres vivos como nos obxectos deseñados polas persoas a moitas escalas.
A conquista da atmosfera
Imparte: Manuel Vicente
Despois de conquistar os océanos a humanidade puxo os seus ollos nos ceos e comezou a escalar, a ascender en globo e finalmente a voar. Isto supuxo ter que adaptarse a un novo medio, e non foi fácil: Como respirar? Como vencer o frío? Como orientarse?
Os que voaron algunha vez seguro que sufriron turbulencias. Neste obradoiro non se van sentir, senón que se van ver cos propios ollos; e vaise facer visible o invisible experimentando con materiais sinxelos pero con meticulosidade.
Leonardo da Vinci soñou con construír unha máquina voadora. Pero por que o seu invento non funcionaba e pola contra os avións voan? As respostas ás curiosidades de sempre sobre a conquista da atmosfera están neste obradoiro.
Life jacket is under your seat!
Imparte: Vicente Mohedano
Ao longo da historia, os seres humanos foron adaptando as súas necesidades de movemento á tecnoloxía dispoñible.
Sorprende descubrir que, neste momento, a locomoción e o transporte consumen a maior parte das reservas dispoñibles de enerxía de orixe fósil, acompañando un modelo nacido á calor da riqueza enerxética que caracterizou o século XX.
E cando a ciencia mostra as evidencias do cambio climático e os seus efectos sobre a vida no planeta compréndese a necesidade de investigar novas formas de mobilidade.
Que modelos de transporte serán máis eficaces?