Participa nos nosos Talleres de Primaria

Desfruta das actividades organizadas para facer que a túa experiencia sexa completa. Este ano, os nosos talleres teñen como tema central a Economía Circular. A pasalo ben aprendendo!

A continuación, mostrámosche o contido dos talleres organizados por Tecnópole para esta edición de Galiciencia. Este ano, os nosos talleres teñen como tema central a Economía Circular. Recorda que, se es un centro educativo, para poder desfrutar dos nosos talleres terás que inscribirte como visita. Se o teu centro resulta seleccionado, Tecnópole encargarase da organización da visita, así como de custear o desprazamento do teu centro a Galiciencia. Para máis información consulta o apartado de Visitas da web.

Se es un particular, podes visitar Galiciencia. Estaremos no Parque Tecnolóxico de Galicia S.A. 11, 12 de maio de 10:00h-13:00h e de 15:00h-18:00h e 13 de maio de 10:00h-13:00h. Aconsellámosche que nos visites mellor polas tardes posto que o volume de asistencia é menor durante este horario.

 

Redeseño Coñecementos!

Imparte: Lucía Lavandeira

Alumnado de Primaria e Educación Especial
Local 26, planta baixa do edificio CEI.

Para poder coñecer as posibilidades da Economía Circular e as súas vantaxes na reutilización e redeseño dos materiais, debemos comezar por introducir os máis pequenos na esencia básica da clasificación de residuos.

Potenciaremos o recoñecemento e unha boa separación do lixo con vistas á reciclaxe para, posteriormente, realizar unha actividade de descubrimento de posibilidades cun material moi empregado nos fogares dos máis pequenos.

Eco-Deseñar, Bio-Fabricar

Imparte: Cristina Mangana

Alumnado de Primaria e Educación Especial
Local 21-22, planta baixa do edificio CEI.

Un dos piares da economía circular é o eco-deseño, que se basea en incorporar o pensamento medioambiental no deseño dos produtos que empregamos, reducindo a cantidade de materias primas necesarias para a súa fabricación e facéndoos máis duradeiros e fáciles de reparar, reutilizar e reciclar. Pensas que é posible producir envases partindo unicamente de materiais sostibles, que sexan facilmente reintegrables ao medio ao final da súa vida útil? E elaborar cerámica a partir de residuos da comida?

Neste taller os asistentes mergullaranse no mundo dos biomateriais, aprenderán o que son, os principios nos que se basean e fabricarán os seus propios biomateriais.

Usamos cookies para mellorar a experiencia.