Se construímos unha caixa pechada con materiais condutores adecuados e reducimos ao mínimo as zonas de fuga, entón os teléfonos móbiles gardados no seu interior non recibirán sinal ou verán moi limitada a comunicación co exterior. En consecuencia, ao realizar unha chamada a eses dispositivos, non deberían soar nin mostrar actividade normal de recepción. Tamén formulamos que unha estrutura deste tipo podería resultar útil no contexto escolar como sistema de almacenamento temporal de móbiles durante as clases.
Nas probas realizadas comprobamos que os teléfonos gardados no interior da caixa deixaban de recibir sinal ou reducían de forma moi notable a súa capacidade de conexión, de maneira que ao chamalos non soaban con normalidade. Isto indica que a estrutura construída si actúa como barreira fronte ás ondas electromagnéticas. O resultado confirma que a combinación de madeira como soporte e recubrimento con materiais condutores pode ser efectiva se a caixa está ben pechada. Ademais, o sistema de guías impresas en 3D permitiu ordenar os dispositivos e facer máis práctico o seu uso no ámbito da aula.