Se construímos receptores de galena con compoñentes axeitados, unha antena suficientemente grande e sistemas de sintonía variables, entón poderemos recibir emisións en AM de maneira funcional mesmo sen recorrer a tecnoloxía moderna complexa. Tamén formulamos que o uso dun diodo de xermanio mellorará a detección do sinal respecto doutros contactos máis rudimentarios, e que a experimentación con diferentes solucións de sintonía permitirá comparar cal ofrece mellor sensibilidade e estabilidade. En consecuencia, a radio AM podería ser un medio básico de comunicación en situacións extremas.
Podemos concluír que é posible construír radios de galena operativas con materiais accesibles e técnicas de fabricación caseira. O proxecto confirma que a recepción en AM segue sendo tecnicamente viable mediante dispositivos simples, especialmente cando se empregan elementos como o diodo de xermanio e unha boa antena. Ademais do valor experimental e educativo, este traballo pon de manifesto que as tecnoloxías máis básicas poden conservar utilidade en situacións nas que fallen os sistemas de comunicación actuais. Tamén aprendemos que pequenas modificacións no detector, na bobina ou na antena inflúen moito na calidade final da recepción.