O proxecto repercutirá na formación do alumnado e será motivador, en canto a que permitirá conectar os coñecementos adquiridos nos diferentes módulos dos ciclos formativos con aspectos de actualidade dentro da biomedicina.
Tras a implementación do proxecto de innovación os resultados previstos pódense resumir en:
- Mellora das prácticas pedagóxicas tradicionais pasando a unha aprendizaxe activa e significativa.
- Aumento da motivación e o interese do estudantado pola aprendizaxe así como a participación na aula.
- Adquisición de competencias relacionadas co traballo cooperativo entre estudantes e tamén entre estudantes e docentes.
- Desenvolvemento de competencias para a investigación, a indagación e o pensamento crítico no alumnado implicado.
O proxecto está adecuado tanto ao espazo como ás características formativas do módulo de bioloxía molecular e citoxenética (CS Laboratorio Clínico e Biomédico), podendo trasladarse de xeito transversal a outros módulos, ciclos ou mesmo a outro tipo de estudos onde se traballe esta temática. Pretende conectar os coñecementos adquiridos no dito módulo ao mundo real da investigación biomédica. Serve de base para unha mellora no seu pensamento crítico, aspecto moi valorado na actualidade dentro de contextos laborais. Ademais, nos últimos anos estase a traballar para desenvolver actividades moi diversas empregando o peixe cebra (Danio rerio) como ferramenta educativa para achegar o mundo científico ás aulas.